Monday 06 de May de 2024

Medio Ambiente asesorará ao concello da Larachana tramitación para a declaración de espazos natuarais de interese local de varias zonas do municipio


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con José Manuel López Varela, quen lle trasladou o interese de iniciar a tramitación do instrumento de protección para catro ámbitos, dous na parroquia de Montemaior, un no parque empresarial e outro na parroquia de Coiro
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a asesoralos na tramitación para a declaración como espazos naturais de interese local de varias zonas do municipio. Así llo adiantou nunha reunión, na que o rexedor local lle trasladou o interese por iniciar a tramitación dese instrumento de protección ao ser o que mellor se adapta para a conservación deses ámbitos.

Segundo a previsión do Concello, tramitarase a declaración de espazos naturais de interese local co propósito de obter esta figura de protección medioambiental en catro ámbitos que no planeamento municipal xa contan coa correspondente protección desde o punto de vista urbanístico. Isto abriría a posibilidade de que as administracións públicas teñan a capacidade de desenvolver actuacións para a súa posta en valor e que o Concello poida asumir as actuacións de conservación e mantemento para facilitar o seu uso e disfrute por parte da cidadanía.

Os espazos obxecto desta iniciativa sitúanse en catro puntos do termo municipal da Laracha. Dous están na parroquia de Montemaior. Un é o tramo de 2,5 quilómetros do río Bradoso que vai da ponte da estrada provincial DP-2404 ata a ponte de Bustes, no núcleo de O Xestal, e que presenta, ademais, unha especial singularidade pola orografía do terreo e o valor etnográfico dada a presenza dunha ducia de muíños de auga. O outro espazo trátase da Carballeira de San Fins, de tres hectáreas de superficie, que no PXOM xa está cualificado como sistema xeral de espazos libres.

O terceiro ámbito é a área verde do parque empresarial, catro hectáreas de especial importancia medioambiental por albergar árbores autóctonas de ribeira e por tratarse, tamén, dunha zona de cría de aves ao conservar as antigas zonas para a extracción de arxila.

O cuarto lugar na que o Concello pretende ampliar a protección sitúase nas inmediacións do centro sociocultural do Rapadoiro, na parroquia de Coiro, e presenta unha superficie dunhas 3,5 hectáreas.

A conselleira de Medio Ambiente reiterou a colaboración dos técnicos e profesionais da Consellería de Medio Ambiente que saberán responder con exactitude ás dúbidas e intereses do Concello da Laracha, para tramitar a mellor figura de protección que poña en valor estes ámbitos.

Ambos mandatarios coincidiron en que o recoñecemento dos posibles valores naturais deste espazos, a través das figuras de conservación da natureza, como os espazos naturais de interese local, árbores senlleiras…; son sen dúbida un recoñecemento do patrimonio natural da Laracha e un atractivo turístico para o Concello.